Presentación do libro "O lecer das augas" de Luis Alonso

martes 14 xuño 2011

Este venres terá lugar no Barco a presentación do libro “O lecer das augas. Historia dous balnearios de Galicia 1700-1936” de Elvira Lindoso Tato, Margarita Vilar Rodríguez e Luis Alonso Álvarez (coordinador), que é catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade da Coruña.
A obra xurdiu parella á exposición de mesmo título e foron produto dun convenio asinado en 2007 entre a Cámara Oficial Mineira de Galicia, a Asociación de Balnearios de Galicia e a Universidade da Coruña. En virtude deste acordo, o equipo de investigadores dirixidos polo profesor barquense Luís Alonso realizou un estudo sobre a historia dos balnearios galegos, centrado no período 1700-1936. O estudo, de máis de 1.000 páxinas, foi adaptado pola editorial Galaxia para a súa publicación. 
De presentar esta magna obra e o seu autor-coordinador encargarase Felipe Senén López, técnico de Cultura da Deputación da Coruña. O acto está organizado polo Instituto de Estudos Valdeorreses.

No Edificio Multiusos, venres 17 xuño, 20h30. Entrada libre.

A Finxideira presenta "Anfitrión" este venres

martes 14 xuño 2011

O grupo de teatro “A Finxideira” do IES Lauro Olmo do Barco representa este venres no Teatro Municipal Lauro Olmo "Anfitrión" de Plauto, a obra coa que obtiveron o 2º premio no VI Concurso de Grupos de Teatro Clásico Grecolatino do Ministerio de Educación, na final celebrada no Teatro Romano de Segóbriga (Cuenca) o pasado 27 de maio.

A montaxe de “Anfitrión” que porá en escena “A Finxideira” ten unha duración aproximada de 40 minutos e está coordinada polo profesor de Latín, Julio Parada, autor da adaptación do texto. Da dramaturxia e da dirección artística ocúpase Pilar Alonso. O elenco está formado polos alumnos Santiago Coni Molina, Álvaro e Lucas Docampo Gacio, Sabela López Loureiro, Tamara Martínez Pires, Aitor Ramos Soto e Alba Urdangaray.

No TLO o venres 17 de xuño ás 20h30. Entrada libre ata completar aforo.