Pressing Catch de Berrobambán, un combate no teatro

martes 26 outubro 2010

Chega ao Barco Pressing Catch o último éxito de Berrobamban (venres 29 no TLO ás 21 h, duración 75 min.) Para adultos non confundirse. Un texto de Paula Carballeira (Ed. Positivas), coa dirección do monstro da comedia galega Quico Cadaval e interpretado no escenario-ring por Hugo Torres, Chiqui Pereira, Anabell Gago e a propia Paula Carballeira. Unha das representacións máis recomendábeis da temporada.



Vivimos na era do medo: limita a nosa liberdade e fainos manipulables, bonecos das novas tecnoloxías, dos medios de comunicación, do poder. É curioso que un dos programas televisivos de maior éxito sexa o da violencia teatralizada. 

Berrobambán usa convencións e a estética do pressing catch, pero os seus loitadores e loitadoras non son Hulk Hogan: son xente cotiá, somos calquera de nós loitando pola supervivencia. “Hoxe tocoulles estar entre o público, pero mañá, calquera de vostedes pode estar no ring”. Esa é a proposta de Paula Carballeira, autora dun texto audaz e combatente. Ao talento da escritora, unha voz fundamental no teatro galego contemporáneo, súmase, na dirección, a do dramaturgo e actor Quico Cadaval. 

Malia prestarlle especial atención nas últimas montaxes ao público familiar, a compañía aposta agora por un espectáculo para xente moza e adulta, na liña de producións anteriores coma NdC e Vendetta: un DJ introduce personaxes moi próximos, pero que viven e empregan a violencia de formas distintas.coma Lola, que non ten nada, nunca tivo nada, só os tacos que lle saen pola boca e a actitude macarra. Unha "poligoneira"; o Hellmaster, avogado de éxito profesional, pero cunha vida familiar que non é quen de xestionar; e A Chorona, experta na chantaxe emocional e no vitimismo. Todos eles controlados por un Árbitro que non quería selo, un eterno perdedor nun mundo de gañadores. Pero... alguén ten que pór orde no caos.

Como novidade nas técnicas de difusión o día anterior, xoves 28, a partir das 23 horas, na Sala Baranda celebrarase un combate de DJ´s con pinchos, para convencer aos indecisos para que vaian ao teatro.

Fotografías de Susana Fernández sobre o Camiño de Inverno abren o Outono Fotográfico no Barco

martes 26 outubro 2010

Na Galería Sargadelos abrirase este ano o Outono Fotográfico cunha exposición de Susana Fernández Fernández, que será inaugurada este xoves ás 19h30. O tema elexido é o Camiño de Inverno, o último dos roteiros xacobeos recoñecidos oficialmente, o que pasa polas terras de Valdeorras, a Ribeira Sacra e o Deza para ir cara a Compostela. Máis de 200 quilómetros que, partindo do Bierzo, vai escrutando a cámara nas súas diversas expresións: a arte, a paisaxe, a xente, o esforzo e o pracer de percorrelo. Na fotografía un peregrino pasa pola ponte de Éntoma sobre o río Galír.

Galería Sargadelos. Avda. Conde de Fenosa, 38. O Barco de Valdeorras. Do 28 outubro ao 17 de novembro. Horarios: 10 a 13,45 e de 17 a 20,30 (luns a venres) 10 a 14 (sábados)

Programa completo do Outono Fotográfico no Barco